Pauliña e Sun Iou: GALEGO IS ALIVE

0

Dous por un na sala Rebullón, Pauliña e Sun Iou, presentan disco novo na sala de Mos

Tiñamos moitas ganas de que chegase o 7 de marzo, unha data marcada no noso calendario xa que a nosa queridísima Pauliña tras tres anos sen publicar novo traballo, presentaba “Galego is not dead” en sociedade e non o facía soa, Sun Iou, unha nova promesa do rock en galego facía o propio con “Agora”.

O lugar elixido foi a Sala Rebullón de Mos, unha preciosa sala de Concertos que se atopa dentro do Centro Social Cultural e Deportivo as Pedriñas, para acudir a ela é necesario utilizar o coche pero conta con grandes aparcamentos públicos, dotada tamén de aseo e cafetería parécese moito por dentro á famosa Sala Capitol de Santiago e é digna de destacar a acústica que se consegue, unha acústica ás veces próxima ao son de estudio como ben demostrou Pauliña na súa actuación.

Paula Chaves (Pauliña) é unha muller brava e valente e como tal non lle importou ser a anfitrioa do evento, con puntualidade británica e apoiada por catro musicazos entre os que nunca faltan os seus inseparables Paco Montoto e Lolo Arincón a cambadesa deu un recital de forza e saber estar nun escenario, vestida cunha camisa rosa propia dunha boleira de serie americana na que se podía ler a frase en inglés “i told you i was trouble” (díxenche que era problemática ) un dos versos máis famosos de “You Know i´m non Good” da tristemente desaparecida Amy Winehouse, toda unha declaración de intencións do que íamos vivir esa noite e é que do mesmo xeito que o mito británico a nosa protagonista móvese tranquilamente entre o punk, o ska, o jazz, rhythm and blues, soul, rock e o que lle boten, atrevéndose mesmo coa apertura do famoso anime de Detective Conan en versión galega facendo que ata os máis pequenos sempre teñan cabida no mundo Pauliña.

Os oito temas do novo álbum (cunha banda que sempre soou perfecta) foron desfilando acompañados dos clásicos dos tres traballos anteriores mentres Paula era un formiguillo, cunhas lentes de sol negras que acompañaban o seu rostro sempre que o tema requiríao e unha dozura entre cancións que che namora e que se difumina cunha forza desbordada durante a interpretación na que ata se pode ver debuxada unha raiba que acompaña á letra e á mensaxe e que tamén casa coa referencia (outra máis) ao primeiro punk dos Sex Pistols tan presente na última portada e que decoraba o escenario.

Para os que coma min tivesen medo a que tanta referencia punk supuxese unha centralización nun único estilo dicirlles que nada máis lonxe da realidade, cada vez hai máis rexistros, máis cores e máis raiba, tanta que para un servidor é difícil o resistirse a comparala con outra grande da escena galega como é Ses, pero sen deixar de ser nunca Pauliña.

Tras o concerto a nosa protagonista atendeunos a todos os que nos achegamos ao posto de merchand repleto de camisetas, adhesivos e un cd que polo módico prezo de 5 euros e visto o que acababamos de ver debería ser compra obrigada por todos os que asistimos e máis se aínda nolo dedicaba. Unha delicia para seguir oíndo no coche de volta

Tras a quenda de Pauliña: Sun Iou.


Sun Iou (“Son eu” en galego goianés ) é un proxecto de Tamara Martínez (voz e teclados) e Evaristo Alejos “Alex” (baixo e voz) aos que se unen en directo seis músicos máis como son Marta Sueiro (gaita), Laura Villaverde (voz), Maruxinha (voz), Elías Díaz (guitarra), Abel Magallanes (batería) e Mikele Fagá (guitarra).

Xa antes de empezar notábase que non ían estar sós, estaban rodeados de amigos que viñan a acompañal@s na súa primeira andaina e unha espectacular proxección sobre o escenario da serea cunha gaita deseñada por Lola Peneira que dá portada a “Agora” non facía máis que incrementar o nerviosismo.

Unha vez comezou puidemos comprobar o que nos propoñen, unha multiculturalidade de sons onde o folk tradicional sempre está presente con gran protagonismo da gaita de Marta Sueiro pero por onde desfilan o rock, o punk, o pop e o country e sempre cun selo propio con dous temas que de primeiras chaman máis a atención como son a rockeira “Cantiga de marzo” perfectamente acompañada no directo polo videoclip oficial de fondo e a máis tradicional “Non hai valados” que puxo a todo o persoal a bailar .

Unha proposta moi ambiciosa e á que debemos seguir de preto, cando sumas seis persoas no escenario máis os amigos que convidas necesitas un tempo para axustar á perfección todo o que te propós e será moi interesante ver o froito desta rodaxe a medida que vaia avanzando o verán. Poden dar moito que falar no futuro

Visita outra vez ao posto de merchand onde puidemos coñecer a algún amigo de Kondusión Kolérika e puidemos apreciar unha mostra máis do agarimo que a xente de Xonix Records puxo na velada que continuou cunha sesión de Kris K DJ, de A Duendeneta, cunha sesión 100 % en feminino e en galego.

O noso álbum de Pauliña no facebook https://www.facebook.com/media/set/?set=a.816674683825476&type=3

O Noso álbum de Sun Iou no Facebook https://www.facebook.com/media/set/?set=a.816675867158691&type=3

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo