Última semana para participar no III Certame de Literatura LGTBI+ do Atlantic Pride
Este venres, 31 de maio, remata o prazo para o envío de propostas para este concurso literario de relato curto sobre universidad, que o festival organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña
As obras -en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBI- optarán a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100 €)
O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do Atlantic Pride do 7 ao 14 de xullo, momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios
Este III Certame de Literatura LGTBI+ -cuxas bases de participación poden consultarse en www.atlanticpride.es/certame-literario- pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI+
REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN
Poderán participar todas as persoas maiores de idade, sempre que as obras sexan en galego, orixinais e inéditas, non publicadas en ningún tipo de formato, nin total nin parcialmente (incluído Internet), non premiadas ou pendentes de decisión en outros concursos, ou á espera de resposta de procesos editoriais. O incumprimento desta primeira base descualifica automaticamente o traballo presentado. Só se admitirá unha obra por persoa. Toda persoa que participe neste certame acepta a cesión da obra para a súa publicación e difusión en outros medios físicos ou dixitais relacionados co Atlantic Pride ou o Club de lectura QUEERuña. Publicarase un libro cos relatos premiados e unha selección do xurado.
TEMÁTICA, EXTENSIÓN E FORMATO
A temática é libre, con vinculación á diversidade LGTBI+. O texto presentarase en formato pdf e en documento tamaño DIN A4, cunha extensión máxima de 10 páxinas, con tipografía Times New Roman, tamaño 12, interlineado 1.
XURADO
O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña. As integrantes do club QUEERuña que compoñen o xurado non poderán participar neste concurso. Unha vez finalizado o prazo de presentación, a organización facilitaralle ao xurado todas as obras presentadas ao concurso, tamén en formato dixital, pero sen ningún dato persoal que permita identificar a súa autoría. O xurado realizará a súa valoración en dúas fases: unha individual e outra grupal, que será nun encontro ordinario do club. No caso de existir disparidade de criterios que non permita dirimir as obras premiadas, optarse por realizar unha votación individual coas puntuacións 10, 7, 5, 3 e 1 puntos e as obras gañadoras serán as que maior puntuación acaden. O xurado levantará acta das valoracións e posteriormente remitiralla á organización do certame. Os criterios de valoración o xurados serán, por unha banda, a calidade literaria e a corrección gramatical, e, por outra, a atención a personaxes e historias infrarrepresentadas dentro do espectro LGTBI+ e a orixinalidade da obra.