“EU ESPERO AQUÍ”, O NOVO HIMNO DE POP ELECTRÓNICO DE SABELA, VE A LUZ
ESTE NOVO SINXELO É O SEGUNDO ADIANTO DO QUE SERÁ O SEU PRÓXIMO EP
Sabela presenta un novo sinxelo da súa nova etapa baixo o nome de “Eu Espero Aquí”, exercendo como segundo adianto do que será o seu próximo EP, que verá a luz a finais deste ano 2024. Este novo tema mantén o carácter nostálxico que adoita caracterizar á artista galega, pero a xuntanza co produtor Ed Is Dead, artífice tamén do seu anterior tema “Hi, My Love” e do que será o seu próximo EP, alonxa ese factor nostálxico da tristeza e o achega máis a sentimentos eufóricos, enérxicos e ata románticos. Esta nova aposta de pop electrónico de Sabela é toda unha declaración de intencións, afianzándose con este son fresco e innovador como unha referente deste eido. A primeira vez que se poderá escoitar esta canción en directo será o próximo sábado 28 de setembro na Sala Ruido de Ferrol, onde comezará a súa xira por salas galegas baixo o nome de “Hi, My Love Part”.
“Eu Espero Aquí” é o segundo traballo en conxunto na produción entre Sabela e Ed Is Dead. Ed é un recoñecido e prestixioso DJ e produtor de música electrónica a nivel internacional, con múltiples galardóns da talla do Premio VMA a “Mellor Produtor de Música Electrónica” ou o Premio MIN a “Mellor Gravación de Música Electrónica”. Algúns dos seus traballos están recoñecidos como referencias da música electrónica, seleccionados entre os mellores álbums do ano na música electrónica por revistas internacionais especializadas, contando con millóns de escoitas en plataformas dixitais, colaboracións con artistas finalistas nos Premios Grammy ou presentacións en vivo nalgúns dos festivais máis importantes de España como son o BBK, o Sónar ou o Arenal Sound.
Nesta ocasión, ademais da produción xunto a Ed, Sabela traballou na composición xunto á súa compañeira de edición en Operación Triunfo, África. A artista de Ourol destaca a admiración pola forma de construír melodías da súa compañeira, coa que comezou a compoñer esta canción fai tempo, e que despois adaptou para levala ao galego e baixo ese toque electrónico tan característico de Ed Is Dead. A propia Sabela resalta a facilidade coa que saíu a letra e a melodía, que contrasta co traballo de produción xunto a Ed, no que custou atopar ese equilibrio entre o pop e a electrónica que tanto peso teñen na canción. A portada deste novo sinxelo corre a cargo de Juan Ramil.
Datas da xira “Hi, My Love Part”
28/09 · Sala Ruido · Ferrol
12/10 · Masterclub · Vigo
25/10 · Riquela · Santiago de Compostela
26/10 · Clavicémbalo · Lugo
09/11 · Pub Gatos · Melide
30/11 · Auriense · Ourense
01/12 · A Arca da Noe · Vilar de Santos
01/02 · A Pousada da Galiza Imaxinaria · Boiro
08/02 · Garufa Club · A Coruña